4 de marzo de 2011

Entrevista no periódico Galicia Hoxe (Asociación Electronica Galega)

Eu non estou acostumado a que me fagan entrevistas, pero esto foi mais unha charla, a cal despois a periodista plasmou nesta reportaxe, que unha entrevista en si. Sentinme cómodo falando da Asociación Electrónica Galega da cal son o presidente e creo que soupen decir todo o que se podia decir sobre ela e a música electrónica. Aqui vos queda a entrevista no seu formato dixital ainda que tamén saiu en tres páxinas do diario en formato papel.

Galicia Hoxe  27/02/2011

“Falta un circuíto de salas de música electrónica en Galicia”

27.02.2011 “Agora falta concienciar a xente de que hai máis música despois de Guetta”, asegura o presentador do programa de Radio Ordes, ‘Frecuencia de baile’. Xunto con produtores e djs, nacía hai un ano na rede o grupo Electrónica Galega que agora acaba de crear unha asociación para difundir e promocionar os creadores galegos deste estilo. Unha música que volverá contar este ano na Coruña cunha das súas auténticas mecas: o Sónar.

VANESA OLIVEIRA


José Antono Sanjurjo no estudio de Radio Ordes onde presenta o programa 'Frecuencia de baile' FOTO: Electrónica Galega/Lecer
José Antono Sanjurjo no estudio de Radio Ordes onde presenta o programa 'Frecuencia de baile'
FOTO: Electrónica Galega/Lecer
Hai un ano nacía na rede o grupo Electrónica Galega –formado por Jose Antonio Sanjurjo (presentador do programa de radioFrecuencia de Baile de Radio Ordes), Paula, Roi (dj e produtor co nome de Ro-noise), Óscar López (Dj e produtor co mesmo nome) e Antonio Gomez (dj e produtor co nome de AGM!)– co obxectivo de promocionar este estilo musical creado no país e dar soporte a produtores e djs.
Nun principio, o grupo colgou a súa música e a doutros creadores galegos no portal de audio Soundcloud, unha plataforma especializada na que os creadores soben as súas producións, comparten música e publicitan os seus traballos. Ao pouco de nacer, xa contaban cun cento de temas colgados, que hoxe en día xa chegan a 300 de máis de 70 artistas.
Hai tres meses, decidiron dar "outro paso de xigante" e crear unha asociación coa que queren apoiar eventos culturais, impulsar cursos de produción, crear un carné de socio con vantaxes exclusivas, realizar exposicións, asesorar... Todo iso nun só click, na web www.electronicagalega.es.
Falamos cun dos responsables do proxecto, José Antonio Sanjurjo que lamenta os prexuízos que seguen a estar vencellados á música electrónica en Galicia e que limitan a difusión duns creadores de sobrado talento. "Na electrónica hai centos de estilos e subestilos e sempre podes encontrar un que che guste dende a tranquilidade do chill out até a contundencia do techno ou o break beat... Hoxe en día case toda a música comercial ten algo de electrónica", asegura.
Como naceu Electrónica Galega?
Electrónica Galega naceu como un grupo no Soundcloud. Hai tres meses constituímos a asociación pero aínda non fixemos nada concreto, estamos empezando coas reunións. O grupo cumpriu un ano a semana pasada. Naceu nunha rede social estilo YouTube, que se chama Soundcloud, na que é moi fácil colgar música. Por iso é moi usada polos djs e produtores. Empezamos case por unha proba. Eu teño un programa de radio en Radio Ordes de música electrónica e quixen probar como funcionaba o Soundcloud e tamén por ansias de que a xente dera a coñecer a música feita aquí.
Ao comezo os obxectivos era difundir o que facía o grupo ou que se estaba facendo en Galicia en música electrónica?
Dende sempre, xa dende o meu programa na radio, Frecuencia de baile, dei un apoio ao que se fai realmente en Galicia. Hai moitísimos produtores e moitos bos. Pero parece que os galegos sempre nos sentimos inferiores. E en música electrónica diso nada. Temos calidade suficiente para estar a niveis nacionais ou internacionais.
O Dj de Cangas David Granha nunha sesión FOTO: Electrónica Galega/Lecer
O Dj de Cangas David Granha nunha sesión
FOTO: Electrónica Galega/Lecer
Tivestes unha boa resposta dende o comezo, con case cen cancións subidas á web, iso permitiuvos descubrir a xente que traballaba na electrónica e que, por faltar un punto de encontro, non a coñeciades?
Para nada, vamos. Dende o principio, eu coñezo a varia xente do mundo electrónico e o grupo en principio creeino eu. Logo uníronse dúas persoas máis, Óscar López, dj e produtor e Antonio Gómez. Eles collérono coa mesma idea: empezaron a contactar cos seus amigos produtores que estaban no Soundcloud para que colgasen os seus temas. Grazas ao boca a boca foise espallando e iso foi collendo unha velocidade tremenda. De xeito que nas primeiras semanas ao mellor xa tiñamos cen temas subidos. Actualmente hai máis trescentos de máis de 70 produtores. O que pasa é que Soundcloud ten un espazo limitado se non pagas unha conta premium. Por iso, a xente que produce sobe o tema e para deixar lugar para o seguinte, ten que borrar o que colgou antes. Unha estimación que fixemos dos temas que puideron pasar é sobre cincocentos.
A web ten colgada música de todos os estilos da cultura electrónica, dende Break beat, pasando por House, Ambient, Chill out, Progressive, Electro pop ou
Techno. Hai algún destes estilos que predomine en Galicia?
Estilos hai o que queiras. Dj Federato con Yadira e Hugo Torreiro, que están a facerse famosos agora, é precisamente o último tema que se agregou. Dende pop dance até indie ou até techno, conviven todos os estilos. O que máis pode haber é Progressive House, que hoxe está de moda en todos os produtores. Pero non se concentra só nun estilo. Moitos produtores son ‘amateurs’, así que non fan algo co que poidan vivir senón o que lle gusta.
O sector da música electrónica en Galicia está cada vez máis profesionalizado?
Eu no meu programa sempre fago un cuestionario. E unha das preguntas é se vives da música. Por agora só dúas persoas me dixeron que si. É complicado ser profesional neste mundo da música electrónica, que non é un estilo que se consome moitísimo como pode ser a música pop. Pero profesionalízase máis o son, ten máis calidade. Non é o que se facía antes na casa. Hoxe hai mellores equipos e aparatos que sacan un son máis profesional. 
Dende Vigo, Iris Deejay triunfa no estilo trance FOTO: Electrónica Galega/Lecer
Dende Vigo, Iris Deejay triunfa no estilo trance
FOTO: Electrónica Galega/Lecer
Interesáronse produtores e djs por difundir fóra da vosa web a música que tedes colgada?
Si, e ademais é algo do que nos sentimos moi orgullosos, non só de promocionar a música electrónica feita en Galicia. Ao principio había produtores que apenas se coñecían só polo nome. Entón, empezaron a ter contactos grazas á web e a colaborar en facer remixes ou temas xuntos. Iso é do que temos máis orgullo porque faltaba esa unidade que agora existe grazas a que se coñeceron.
Para celebrar este primeiro ano de Electrónica Galega estades a difundir gratuitamente unha sesión mesturada por Óscar López, a partir de que temas?
Queremos que sexan unha serie de sesións que se celebren cada dous meses. É unha selección de temas que fixo Óscar López, dentro do seu estilo musical, mestura de Progressive e House. Intentaremos tocar todos os estilos. O próximo queremos que sexa Techno. É unha forma máis de promocionar a xente e os temas que se van colgando.
A electrónica galega segue a estar considerada como o "patiño feo" dos estilos musicais? Hai unha certa desconsideración cara a ela e iso inflúe na súa menor visibilidade?
Si, si, é unha das preguntas que sempre fago nas miñas entrevistas. A xente está animada. Teño falado con produtores, djs, promotores, propietarios de locais... e todos din que falta un circuíto como pode haber doutros estilos de rock ou pop que teñen un circuíto que se move por toda Galicia a través dunha serie de salas. Agora estase a empezar a mover o circuito grazas a Fanzine e as festas D’clap (Coruña), Bauhaus (Vigo), Morocco (Sanxenxo), Planeta Club (Sarria), etc. Agora falta concienciar a xente de que hai máis música despois de Guetta. A parte de traer djs internacionais, tamén está moita xente de aquí. Iso gústanos. Xa non é que sexan mellores ou peores, pero polo menos que os nomes dos djs galegos empecen a soar e a verse en carteis. Que cando saian nun cartel de festivais como o Sónar da Coruña que o ano pasado tamén apostaron por xente de aquí, se recoñezan. Que se vexa que hai electrónica en Galicia e se empece a mover algo. Non queremos seguir sendo o patiño feo. Hai calidade suficiente e hai djs que están por fóra como Fiumichino ou Eme Dj que picou no Sónar Galicia e no MTV Galicia abrindo os concertos a moitísimos artistas internacionais como Arcade Fire. Moitos téñense que ir fóra para triunfar. Eu penso que aquí están a empezar a visualizarse.
O lugués Marcos Peón estivo nominado a un Goya en 2009 FOTO: Electrónica Galega/Lecer
O lugués Marcos Peón estivo nominado a un Goya en 2009
FOTO: Electrónica Galega/Lecer
Hai djs galegos como Cora Novoa –da que tendes colgado algún tema na web– que apenas é coñecida en Galicia pero non para de dar concertos fóra. É un circuíto moi pechado?
Si, de feito, de Cora Novoa hai temas no grupo. Hai un par de meses, fixo un concurso para que os produtores noveles ou profesionais fixeran un remix para un tema dela nun disco que vén de sacar. Concretamente gañou o cangués David Granha. Cora Novoa estivo triunfando en Holanda e agora vive en Ourense. As ansias do grupo xa non é tanto promocionar aos que xa camiñan sós senón aos que están empezando. Tratamos a todo o mundo por igual, dende o máis ‘amateur’ ao que poida dedicarse a isto e sacar máis cartos.
O Sónar Galicia foi un fito para a música electrónica de aquí, que cres que achegou?
Grazas ao éxito do ano pasado, a Xunta vai volver apoiar o Sónar na Coruña. Que se siga facendo é un grande achega á música electrónica de Galicia porque seguirán apostando por algún dj de aquí. Intentaremos dende a asociación achegar algo para que estea algún galego. É unha gran noticia que se siga facendo, de igual maneira que cantos máis festivais haxa, mellor.
Cales son os obxectivos da asociación? Que actividades faredes?
Actividades e ideas hai moitísimas. Agora, falta poñelas todas en orde. O primeiro, faltan cartos. Queremos facer un carné de socio con algunha exclusividade, facer cursos de produción ou de dj, algunha exposición... o mundo da electrónica pode ter moitísimas variantes, dende o eido fotográfico ou visual. Queremos promocionar un documental que se está facendo sobre a música electrónica emerxente en Galicia. O primeiro que imos buscar é financiamento, a través de socios e algunha axuda de promoción. Gustaríanos tamén axudar a festivais de música que aposten polo galego. O noso grupo tamén dispón do grupo na rede social Facebook, onde a diario se colgan os temas que van publicando a xente no soundcloud. Somos un grupo de referencia entre produtores pero tamén é unha boa ocasión para os que lle guste este estilo de música para saber o que se produce en Galicia.

No hay comentarios: